Fedellando na web… Habitándoa

Fotografía de parte dos tapóns colleitados no cole.

Pé de medio e descrición alternativa: Fotografía en cor de parte dos tapóns colleitados no cole na que aparece a nosa amiga e compañeira Mª Luz poñendo orde no caos.

1º Nos explicamos

Dende case o comezo de curso iniciamos a campaña solidaria de recollida de tapóns para unha causa máis que xusta: Diogo Farinhoto, que haceu sen un brazo, precisaba un ortopédico para desenvolver a súa vida coa maior autonomía posible.

As reaccións foron altamente positivas e antes de que nos decatáramos xa tiñamos xuntado unha morea deles grazas ao esforzo do alumnado do centro e á desinteresada colaboración de moitísimas persoas e institucións, entre as que cabe salientar dun xeito especial:

  • Varios centros sanitarios do noso barrio.
  • Motísimas achegas desinteresdas de familias e de xente anónima.
  • O CEIP Alborada da Coruña.
  • O CEIP Eugenio López de Cee.

2º Causas solidarias alternativas

Cando xa tiñamos unha boa colleita comezamos a ter certas dificultades para facerllos chegar a Diogo: novas de que xa estaba operado grazas a doazón desinteresada dun doante anónimo, que non se tiña que volver a operar pola mesma causa ata 2 anos máis tarde, ademais das dificultades da loxística e de que os contactos tiñan unha dispoñibilidade limitada.

Polo tanto cumpría atopar outras causas solidarias nas que fixarse e como operativizar ao máximo a axuda que íamos brindar.

A escolma delas (nas que nos fixamos nós pero de seguro que hai moitas máis) as tedes resumidas nunha sinxela reportaxe que elaboramos a tal fin:

  • Enlace á web na que reflectimos as nosas pescudas mediante o servizo web storify.com: [enlace informativo].

3º O compromiso

Despois de moito debate optamos pola opción que entendimos máis axeitada ás nosas capacidades: a de LOLA.

Asemade comprometémonos a non deixar aquí as cousas e a continuar co noso esforzo solidario e de reciclaxe.

Nota aclaratoria xeral: Certas palabras deben ter unha explicación e, con tal motivo, van sinaladas cun asterisco (*) para logo, na sección final deste artigo titulada Notas aclaratorias, ser enumeradas e explicadas con calma.

Imaxe alegórica dunha persoa pensando, reflexionando.

Pé de media e descrición alternativa: Imaxe alegórica en branco e negro dunha persoa pensando, reflexionando coa aparencia dunha cabeza sobre a que se proxectan imaxes de rodas dentadas, cifras e letras..

O concepto

O prefixo, no ámbito da lingua, é un morfema derivativo que se antepón ao lexema ou raíz dando lugar a unha palabra derivada a partir doutra xa existente. Os prefixos en galego adoitan vir do grego ou do latín, así, respectivamente, dous exemplos de palabras con prefixo + raíz son:

  • Hipopótamo = hipo + pótamo.
  • Postelectoral = post + electoral.

Así explicado pode ser algo incomprensible para algúns ou algunhas de vós. Resumamos dicindo que as palabras derivadas son as formadas por unha raíz ou lexema e unhas partículas que se pegan pola esquerda que soas non significan nada pero pegadas á raíz fan que esta matice ou cambie o seu significado. Ademais eses dous exemplos están pero que moi ben.

O reto

Ata aquí todo vai ben, e na nosa clase de 5º de primaria estivemos estudando estes asuntos con bastante soltura. De todos modos, ocorréusenos facer un xogo: ¿Somos quen de atopar palabras formadas por un lexema precedido por varios prefixos? Durante este fin de semana o alumnado púxose a facer as súas pescudas, xa que o encargado para este luns é:

  • Unha lista de 5 palabras galegas que estean compostas por prefixo + prefixo + lexema. (É dicir, 2 prefixos e 1 lexema). Aquí uns exemplos:
    • Limpaparabrisas = limpa + para + brisas. (Este exemplo é incorrecto, despois vemos o porqué).
    • Exviceprimeiro (ministro) = ex + vice + primeiro (ministro). (Tamén exemplo incorrecto).
    • Contrarreforma* = contra + re + forma.
    • Aviso: teño advertido que hai palabras que nos poden enganar, fixádevos no primeiro exemplo. Non é correcto xa que eses prefixos posiblemente non sexan tales, senón palabras en si mesmas, isto é, lexemas, que fan que a palabra final sexa en realidade unha palabra composta (formada neste caso por 3 lexemas). Igualmente tampouco é válido o exviceprimeiro ministro xa que nin figura no diccionario.
  • Premio especial con suba de cualificación no trimestre para quen puidera atopar palabras que levasen máis de dous prefixos.
Desta vez, mami, non me axudes.

Pé de imaxe e descrición alternativa: imaxe dun flotador de baño bordado primorosamente como alegoría a modo de advertencia: Desta vez, mami, non me axudes.

Regras do xogo

  • Haberán de ser sempre palabras en galego ben formadas.
  • Para saber que son correctas deberán constar nalgún dos diccionarios oficiais da lingua galega.
  • Papis e mamis, deberán absterse de procurar estas palabras, tan só se permite que colaboren facilitando medios para a procura (diccionarios, obras científicas, internet, etc.)
  • Para a súa verificación, o alumnado debe aportar unha documentación (en papel ou virtual) que xustifique cada unha das palabras atopadas e que cumpren coas regras do xogo.
  • Aquí non haberá persoas que gañen ou perdan. Só persoas gañadoras en canto vexamos como se suma e como e agrega o noso coñecemento. É incrible o que pode medrar se o compartimos.

Resultados (aínda provisionais)

Aprendendo sobre os prefixos.

Pé de media e descrición alternativa: imaxe tipo cómic dun neno escribindo varios prefixos nun encerado de xiz.

Marcamos os lexemas en negriña, para así distinguir mellor os prefixos, os lexemas e os sufixos.

Palabras con 2 prefixos

  1. Independente = In + de + pende. (María, Nicolás e Uxía).
  2. Reembolso = Re + em + bolso. (Irene).
  3. Desenrolo = Des + en + rolo. (Mª López e Iria).
  4. Predispor = Pre + dis + por. (Mª López).
  5. Arrechegar = A + rre + chegar. (Mª López).
  6. Arrenegar = A + rre + negar. (Mª López).
  7. Antideslizante = Anti + des + lizante. (Marta e Iria).
  8. Impredicible = Im + pre + dicible. (Iria, Nicolás e Aida).
  9. Semireforma = Semi + re + forma. (Iria).
  10. Despreocuparse = Des + pre + ocuparse. (Brais).
  11. Recontraatacar = re + contra + atacar. (Aida).
  12. Antisubmarino = Anti + sub + marino. (Andrea).
  13. Antepenúltima = Ante + pen + última. (Arancha).
  14. Autobiografía = Auto + bio + grafía. (Arancha).
  15. Desembolso = Des + em + bolso. (Arancha).
  16. Desapercibido = Des + a + percibir. (Arancha).
  17. Desafortunado = Des + a + fortunado. (Arancha).
  18. Hipoparatiroidismo = hipo + para + tiroidismo. (Uxía).
  19. Poliinsaturadas = poli + in + saturadas. (Uxía).
  20. Neoduoxénese = neo + duo + xénese.  (Uxía).
  21. Antidepresivo = Anti + de + presivo. (Anuska).
  22. Despreocuparse = Des + pre + ocuparse. (Anuska).
  23. Impredecible = Im + pre + decible. (Kevin).
  24. Antepenúltimo = Ante + pen + último. (Kevin).
  25. Indescifrable = In + des + cifra + ble. (Juan).
  26. Desenvolver = Des + en + volver. (Sabela).

Palabras con 3 prefixos

  1. Subdesenvolver = Sub + des + en + volver. (Aida e Sara Maneiro).
  2. Desapercibido = Des + a + per + cibido. (Juan).

Intentos con erros

  1. Superminicadea = Super + mini + cadea. (Non recoñecida no diccionario).
  2. Viceprimeiro (ministro) = Vice + primeiro (ministro). (1 prefixo).
  3. Postoperatorio = Post + opera + torio. (1 prefixo, 1 lexema e 1 sufixo).
  4. Antisubterráneo = Anti + sub + terrá + neo. (Non recoñecida no diccionario).
  5. Impresionante = Im + presion + ante. (1 prefixo e 1 sufixo).
  6. Representación = Re + presenta + ción.  (1 prefixo e 1 sufixo).
  7. Malentendido = Mal + entend + ido. (1 prefixo e 1 sufixo).
  8. Nornordés = Nor + nor + dés. (Palabra composta).
  9. Superantigrasa = Super + anti + grasa. (Non recoñecida no diccionario).
  10. Representante = Re + present + ante. (1 prefixo).
  11. Otorrinolaringoloxía = oto + rrino + laringo + logo. (palabra composta).
  12. Contraalmirante = contra + almirante*. (1 prefixo).
  13. Ácido desoxirribonucleico = des + oxi + ribo + nucleico. (Palabra composta).

Intentos que nos fan dudar

  1. Anticipadamente (1):
    1. = [Anticip + adamente] (1 lexema e 1 sufixo)?
    2. = [anti + cip* + adamente] (1 prefixo, 1 lexema e 1 sufixo)?
  2. Contrarreembolso = Contra + re + em + bolso. (Kevin). Polo de agora os diccionarios non a admiten a pesar de ser de uso moi común. Así que haberá que conformarse con: contra reembolso, é dicir, palabras separadas.

Ánimo que isto non acaba aquí!

Alegoría de notas aclaratorias.

Pé de media e descrición alternativa: Alegoría de notas aclaratorias mediante unha imaxe dunha nota aclaratoria pendurando dunha porta.

Notas aclaratorias

  1. Contrareforma: escrito con maiúscula inicial (nome propio): Movemento relixioso, intelectual e político destinado a combatir a Reforma protestante. En cambio escrito sen a maiúscula inicial (nome común): Actuación contraria a unha reforma anterior.
  2. Cipo: palabra de orixe latina (cippus): 1.- Pilastra ou trozo de columna erixido en memoria dalgunha persoa defunta. 2.- Poste nos camiños, para indicar a dirección ou a distancia. 3.- Fito.
  3. Puidéramos crer que almirante é unha palabra derivada (al + mirante), pero non é así, pois trátase dunha palabra de orixe árabe (amir, que significa: comandante, fusionada con al-bahr, que significa: del mar).

Conclusións

Alegoría sobre a riqueza da diversidade.

Pé de media e descrición alternativa: Alegoría sobre a riqueza da diversidade a través dunha foto de moitas mans moi distintas unidas cun propósito co lema escrito en castelán "Diversidade. O privilexio de toda unha vida é ser quen eres".

Fixádevos agora nun detalle moi importante e que moitas veces pasa desapercibido: se tomamos os coñecementos de cada un de nós por separado, pouca cousa sabemos, pero se xuntamos o que cada un de nós sabe nun espazo común como este reto que acabamos de ter ¡Que de cousas temos aprendido! ¡Que de cousas sabemos! Por certo ¿Dixen desapercibido? Jajajaja… mira ti que casualidade. E un apunte máis: se todos soubéramos o mesmo, ¡Que pouco sumaría! Sendo distintos, sumamos máis.

Ola mundo!

Pictograma do saúdo: Ola.

Pé de medio (e descrición alternativa): Pictograma do saúdo do sistema de comunicación alternativa ou aumentativa ARASAAC: Ola. Unha personaxe en manga curta nos saúda cun sorriso movendo a palma da man dereita.

Xa estamos aquí

O alumnado do CEIP Sal Lence andamos a contarvos nestas páxinas as cousas que chaman a nosa atención. Asuntos nos que estamos ocupados. Ides ver que son moitos e moi dispares. Que non cunda o pánico, é normal. Correspóndese a temáticas distintas de cursos diferentes e en diferentes momentos segundo imos precisando nas nosas aulas.

De entrada, e para que vaiades sabendo, nestes meses e días estamos armando algo de lea con varios asuntos, velaquí unha escolma deles:

  • A orixe do nome do noso centro. Queremos saber quen foi ese señor chamado Sal Lence (para ser máis exactos: Jerónimo Sal-Lence Hervada) médico coruñés nado en 1884, xa que, a pesar dos seus numerosos méritos, a historia quixo pasar páxina moi axiña sobre este home ata asignarlle asuntos políticos que non se corresponden coa realidade e que perduran ata hoxe. Xa vos contaremos que parece que hai varias cousas un tanto sorprendentes, como a de ser un dos grandes promotores da radio galega nos anos 30 do século XX, ou a morte do seu fillo na guerra civil posterior (e motivo da doazón de terreos para a construción do que hoxe terminaría sendo a nosa escola). (Alumnado de 1º de primaria no curso 2009/2010).
  • Queremos saber máis sobre os pictogramas e como se usan e como poden axudar a facer do noso centro un lugar máis accesible para as persoas con diversidade funcional e máis comprensible e atractivo para todos e todas.  (Alumnado de 3º de primaria no curso 2010/2011).
  • A Campaña de tapóns para Diogo Farinhoto na que estamos inmersos como xesto soidario con este rapaz e tamén como fórmula para aprender máis sobre os plásticos, a reciclaxe, o respecto á natureza e a nosa responsabilidade e cidadanía. (Alumnado de 4º de primaria no curso 2011/2012).
  • A conmemoración no día das letras galegas da vida, obra e andanzas dun pontevedrés insigne: Valentín Paz Andrade. (Alumnado de 5º e 6º de primaria no curso 2011/2012).
  • Tamén estamos metidos ao mesmo tempo noutra procura. A raíz dunha experiencia que tivemos co conto Xandre, o elefante sen sombra fomos coñecendo ás persoas con diversidade funcional que tamén viven entre nós, e ás que moitas veces ignoramos ou illamos. (Alumnado de 2º de primaria no curso 2009/2010).

Gustaríanos que todo isto vos resulte tan interesante como a todos e todas nós.

Seguir este blog

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: